quinta-feira, 24 de junho de 2010

Solpor no solstício



Lembrança da passada noite, na praia dos Olmos (Vigo).

sábado, 12 de junho de 2010

Manuel Rivas: As mulheres que levavam o mundo na cabeça

.
De quando em vez O'Rivas entrega algum texto com o que um fica com a boca aberta ante tamanha maravilha. Sem dúvida é um dos grandes. E felizmente é dos nossos.

Entre os retratos tópicos, un que aínda abonda é o da persoa galega como un ser atado á terra dun xeito fanático. Dise que as raíces van mesmo por debaixo do mar e que nos teñen prisioneiros por esa potente droga que é a saudade e o derivado opiáceo que é a morriña. En realidade, o que é o galego é un fanático dos camiños. O galego quer terra, si, mais non para ficar nela senón para ter de onde saír. Un punto de partida de seu. É certo que tamén semella un maníaco dos valados. Fanse peches monumentais, ás veces máis custosos que a propia vivenda. Pero iso faino o galego non para acantonarse senón para que luzan máis o portal e o camiño. Dise que os antigos kallaikoi ou callaicus eran chamados así por seren "os que vivían entre as pedras". Se me pediran para unha enciclopedia universal unha definición da humanidade galega eu diría en primeira acepción: "Son alegres construtores de camiños; á primeira oportunidade, abren un camiño". Hai quen observa un territorio, sobre todo se é da beiramar, e a súa mente está a calcular cantas urbanizacións pode chantar alí. Mais o galego fetén o que mira é o andar caligráfico da terra, ese tecido reticular de carreiros, corredoiras, camiños e estradas, e nesa ollada mestúrase o cativo da terra, o espírito emigrante e a ollada vocacional de ministro de Fomento. Mais o que procura á fin a ollada é ver o camiño de quita e pon, case sempre invisíbel, ese que se anda cos pés e cos soños, prendendo nas silveiras. O camiño da vida. E cadaquén ten o seu.

Castro de Elviña era un centro histórico, un primeiro círculo, na topografía dos camiños. Había alí unha intelixencia dos puntos cardinais. Confluían camiños vellos, como o dos Montañeses, que antano fora Real, e corredoiras fondas, como a da Estadea ou do Trasno, que podían comunicar o lugar, a pé ou en montura, con todo Antigo Reino. O traballo e a burocracia empuxaban o andar da xente para A Coruña. As feiras, as festas, as romaxes, e os fíos dos amores moito tiraban para as Mariñas Douradas e Bergantiños. Ademais das rotas principais, todo o territorio, monte e val, era unha infinda trama de carreiros que semellaban escritos pola terra en verso libre, pero que sempre levaban a algures. A leiras, prados, penedos, fontes, ríos de lavar... Ou ao niño da galiña choca. Ou ao muíño de Perfecto, aínda hoxe en activo, e que debe ser o único muíño coruñés supervivente á globalización.

Mais entre os meus preferidos, o camiño que viña do val de Mesoiro, o camiño da Cavaxe, e que tiña a curvatura xusto no monte do Castro, e que abeiraba o primeiro anel da fortificación castrexa. Cada camiño ten a súa imaxinación. Os camiños morren cando deixan de contar historias. Ese camiño de que falo estaba cegado pola vexetación grande parte do ano. Caera en desuso. Ademais, nós viviamos afastados de alí, na outra banda. E non obstante, o meu ollar prendeu nel. Dende a fiestra, cada vez que miraba para aquel camiño cuberto de maleza pasaba algo extraordinario. Eu tíñalle algo de medo a aquel camiño. Lembro un día de inverno, de chuvia inclemente, na curva apareceu a comitiva dun enterro. Ese filme do camiño non era de todo estraña. Mesoiro e Feáns pertencían á parroquia de San Vicenzo de Elviña e traían a enterrar os seus mortos, moitas veces a pé, coa caixa nos ombreiros durante quilómetros. Mais ese día o camiño cego abriuse para amosar algo estarrecedor. Movéndose nunha orde pesarosa e apiñada, alzados os paraugas negros como escudos alcatranados contra o ceo de chumbo, a comitiva fúnebre avanzaba. E o que levaban era un cadaleito pequeno e branco. Nunca esquecerei aquela primeira do máis duro desamparo. Nin tampouco, malia todo, o dínamo piadoso que facía avanzar a comitiva. Cando morría unha crianza, era un anxo quen morría. Mais a min daquel día, non sei o porqué, quedoume a impresión de que era Deus o que morrera. Que fora minguando. E que ficara nun cadaleito branco azulado baixo o trebón.


O camiño da Cavaxe, por sorte, no seu abrir e pecharse, non era un túnel mórbido e produtor de medo. Lembro moitas outras imaxes felices. De cando en vez por alí aparecían xinetes de acabalo, que podiamos identificar cos nosos heroes do Oeste, estabelecendo unha conexión directa entre o televisor da taberna de Leonor e aquel camiño do Castro. Tamén saíu o xabaril. E o porco teixo, que comeron os da peña Os que somos en célebre enchenta á que sobreviviron todos, mesmo o espírito aromático do teixo. E un ciclista coa bicicleta ao ombro. Sempre admirei moito á xente que levaba a bicicleta e non ao revés. En Castro, Farruco era un deses ciclistas que nunca vin subir á bicicleta. Para min era un grado máximo de civilización. Ao que íamos. No canto das imaxes máis pracenteiras que me ofreceu o camiño da Cavaxe nada comparábel ao daquel martes de Entroido en que polo túnel vexetal se abriu paso un equipo de fútbol feminino, que viña da parte de Arteixo. Viñan con camiseta e pantalón curto. E á fronte, como unha figura pop, como unha vestal, como unha revolución óptica naquel tempo de loito téxtil, alí apareceu a Loura de Vilarrodris. Todo o mundo pensou que chegaba a Bardot. Pero sería un fracaso. Non resistiría un minuto no campo. A Loura de Vilarrodris non só era máis guapa. Sabía darlle ao balón con lume de biqueira e facerlle fronte con garbo a aquela multitude afervoada, chegada de toda a comarca, e que emitía arias di bravura e barrocas onomatopeas encadeadas cada vez que as mozas de Elviña, Castro e Vilarrodris tocaban a esfera do mundo.


Ese día do martes do Entroido sempre había quen trancaba os regatos para que secaran os ríos e as lavandeiras non tiveran que ir traballar e foran xogar ou ver polo menos aqueles partidos que foron pioneiros no fútbol feminino. Cumpríase o mandato do Entroido: poñer o mundo revés!
O que pasaba durante o resto do ano era xustamente o contrario. As lavandeiras de Castro de Elviña levaban a esfera enriba da cabeza. Lavaban para as familias de clase alta coruñesa, ou para clínicas, ou para fondas e restaurantes. As máis das veces a pé, ou con algún burriño, ían e viñan con enormes lotes pousados nas coroas ou mulidos. Algunhas tiñan as mans comidas pola sosa. A súa columna vertebral, polos pesos soportados, tiña o xeito da pirámide invertida. Era un traballo anfibio, sempre en contacto coa auga, coa pedra húmida, coa friaxe metida no corpo. Falando das visións dos camiños, eu ver vin como as lavandeiras de Castro traían o mundo na cabeza. E o que pasaba o martes de Carnaval é que esas e outras traballadoras dábanlle unhas patadas ao balón do macho planetario. E os risos ceibes daquelas mulleres resoan na lembranza como un dos poucos días en que vin triunfar a humanidade.

terça-feira, 1 de junho de 2010

Shellac + Mission of Burma


(Sala Mondo, Vigo, 26 de maio de 2010)

Burma!

Teria eu 15 anos quando comprei por correio os “Fan Club Singles” de REM: dous preciosos singles em vinilo transparente e coloreado com as versões que a minha banda predileta adoitava fazer como regalo de nadal ao seu clube de fãs. Daquela o de baixar música da internet era ciência ficção, assim que a única forma de escoitar essas canções era tendo o disco em si, o que lhe conferia a estes artefatos para coleccionistas um caráter de jóia do que agora, evidentemente, carecem. Um dos temas incluídos nessas gravações era “Academy Fight Song”, hit perfeito e pegadiço onde os haja, que me enganchou ao instante. Infelizmente, estava acreditado ao seu autor, um tal Conley do que não escoitara falar (hoje googleas isso e tes toda a informação que desejes em seguida, mas daquela... enfim, não sigo com as batalhinhas). Tardei vários anos em averiguar que a banda de Conley era Mission of Burma, um combo de culto na escena post-punk de Massachusetts que tivera uma breve existência circa 1980. Com o tempo baixei alguns dos seus MP3, e o ano passado comprei numa tenda de Boston um CD que recopilava o seu primeiro 7” (aquel “Academy Fight Song”) e o seu EP “Signals, calls and marches” (no que se atopa “That’s when I reach for my revolver”, outro hino de raiva, ruído e melodia tão característico deles). O legado original dos MoB reduz-se a essas duas gravações e a outra mais, o LP “Vs” de 1982 que supostamente inspirou o disco homônimo de Pearl Jam. Mas hai mais, de feito moito mais, porque 20 anos despois do “Vs” se juntárom de novo... e o resultado é que na última década temos 3 discos novos de MoB que, por certo, não estão nada mal.


Shellac!!!
.
Até aqui o meu repasso persoal a Mission of Burma. A respeito de Shellac, a verdade, tenho menos que dizer. Evidentemente considero a Steve Albini um dos gênios do rock do último quarto de século, mas principalmente na sua faceta de produtor. Um ghicho que gravou “Surfer Rosa”, "Rid of me", "In Utero", “Seamonsters”, "Yanqui UXO", "Gipsy punks underdog world strike" ou "Ys", por citar só uns poucos dos miles de discos nos que meteu mão, não merece outro apelativo. Agora bem, como músico já cambia o conto. Nem com Big Black nem com Shellac me acabava de convencer, estava bem, correto, mas pouco mais.

É por isso que fum à sala Mondo principalmente por Mission of Burma, e Shellac era um pouco a propina. Mas sairia com uma opinião diametralmente oposta...


Abrírom os Mission of Burma, e aginha nos decatamos de que algo não ia bem. O som era horroroso, a voz havia que imaginá-la e os instrumentos produziam apenas ruído. Pouco foi melhorando durante o concerto. Mas o que é pior, no repertório escatimárom os clássicos que os figeram grandes: da primeira época soou “This is not a photograph”, mas nem o “Academy” nem o “Revolver”. E isso não se fai, que carai. Vale que o “Obliterati” ou o “OnOffOn” são discos que estão bem, mas se vimos ver umas velhas glórias queremos um pouco da velha glória! E por riba, sem bises... enfim, uma decepção, e eu já estava pensando que estaria melhor na casa. Mas nessas saírom Shellac...


Que panda de animais. Que brutalidade. Que diferença entre escoitá-los em disco e ao vivo, nada a ver. O Steve Albini é a personificação do ROCK, nem mais nem menos, e baixo a aparência mais improvável (semelha mais um dos piores frikis da Automática que me tenha atopado na carreira). Mas o tipo não só VIVE e RESPIRA rock puro-e-duro, senão que consegue transmiti-lo, o cabrão. Normalmente som escéptico quando leio este tipo de comentários, mas tenho que admitir que neste caso é assim. Shellac comérom-se a Mission of Burma nos primeiros 5 segundos de atuação, e despois dedicárom-se a dar uma lição magistral do que é o rock. Intensidade, ritmo, potência, guitarra, baixo, bateria, voz. This isn’t some kind of metaphor... goddamn, this is real! Temas que parecem simplemente OK ao escoitá-los na casa convertem-se em brigadas de demolição quando estás assistindo à sua interpretação em direto. Um exemplo, o “Prayer to god” que abre “1000 hurts”, e esses berros de “fucking kill him”. Enfim, como nada do que poida dizer transmitirá o que são capazes de fazer estes elementos sobre um escenário, quase melhor calo e deixo uma recomendação: sempre que poidades, ide-os ver.

domingo, 23 de maio de 2010

quinta-feira, 6 de maio de 2010

Praia de Ninhões


Duas visitas à praia de Ninhões, ainda que infelizmente não minhas: Fotos cortesia de AFV II.





DJ Steve Porter e os Playoffs da NBA


Levo quase um mês nos USA seguindo uma intensa rotina de trabalho. Mas, amigo, quando chego polas noites ao motel, sempre hai um partido da NBA na TV... e não é mala maneira de se relaxar! E tenho que dizer que uma das melhores cousas destes playoffs (aparte do alto nível competitivo dos meus bemqueridos Celtics) são os videoclips promocionais que se marca o DJ Steve Porter, a quem não conhecia mas que é um autêntico génio. Por algo estes anúncios são, musicalmente, o nº 1 da semana em Arbolícia. A desfrutar, começando polo meu favorito, "steppin' up" (com The Truth e a sua frase, "an' we never give up"):



Hai moitos mais, não hai mais que buscar as palavras DJ Steve Porter NBA commercial no YoutTube ou elsewhere. Moi recomendável...

¿Encontraría a la Maga?


A tumba de Cortázar em Montparnasse

sábado, 17 de abril de 2010

Lisa Germano, Philip Selway




Curioso concerto o do passado 5 de Abril no teatro Caixanova. Anunciava-se à já veterana Lisa Germano e ao bateria de Radiohead, Philip Selway, mas não era a típica sessão dobre, senão uma única banda. Acompanhados por dous multi-instrumentistas mais, alternárom canções de uma e de outro em séries de 3 ou 4. Lisa Germano centrou-se quase em exclusiva no seu último disco, "Magic Neighbor" (2009), polo que não puidemos escoitar The dresses song nem outras preciosidades do seu repertório anterior. Philip Selway, pola sua banda, apresentou temas ainda não publicados, que causárom boa impressão: haverá que estar atentos a quando publique o disco.


Foi uma velada intimista e agradável, contida e sem grandes emoções, mas que deixou bom sabor de boca. Os da banda transmitírom ser boa gente e amosárom-se encantados com o local (certamente excepcional) e com todo em geral. Uma boa forma de se reincorporar ao trabalho, sendo a segunda-feira posterior à semana santa...

sábado, 3 de abril de 2010

Ancares Ocidentais


Despois de tantas visitas aos Ancares Orientais (Búrbia e demais), por fim uma visita à vertente ocidental que não se limita a passar pola A6 :-)
.
Pontes de Gatim

Veigas perto de Doiras

Chegando ao castelo de Doiras

O castelo de Doiras dende dentro

Vistas dende perto do albergue de Ancares

Fervença caminho a Piornedo
.
Restos de neve

sexta-feira, 19 de março de 2010

Yo La Tengo (Capitol, Santiago DC)



A estas alturas, com Yo La Tengo só procede uma cousa: hai que queré-los. Quase um quarto de século levam os de Hoboken indo à sua bola, sacando os discos que lhes peta, sem fazer caso de modas, e o que é mais importante, com estupendos resultados: é difícil assinalar um disco frouxo (o último, o recente "Popular Songs", parece-me ótimo). Também é certo que é uma banda que, a mim polo menos, tardou em me apaixonar; mas a dia de hoje a sua intransferível combinação de noise, rock clássico, pop retro, soul ou mesmo jazz resulta-me irresistível. Por isso agardava moito do concerto que dérom a passada terça 16 de março na sala Capitol... e saím plenamente satisfeito.
.


Começaram puntualmente (às 21:10, deixando apenas 10 minutos de cortesia) com "Decora", da sua obra mestra "Electr-O-Pura" ('95). Com Georgia sentada à bateria, Ira Kaplan e James McNew intercambiavam lados do escenário e mudavam de instrumentos. O primeiro momento verdadeiramente emocionante chegou para mim com "More stars than there are in heaven", do seu último disco, e esse mantra que repite we walk hand in hand... para então já me ganharam, e quando interpretárom a sua melhor canção de sempre, "Tom Courtenay" (ver video), a entrega era total. Fiquei moi agradecido de que incluíssem também "Little Honda", uma versão dos Beach Boys que lhes sae estupendamente. E justo despois chegou, para fechar o concerto da melhor forma imaginável, "I heard you looking", barbaridade instrumental do "Painful" ('93) que alongárom até acadar tremendas cotas de intensidade eléctrica*.
.


Claro que faltavam os bises. Na primeira tanda figérom uma homenagem ao fulano que tocou o teclado num par de canções, quem seica leva com eles uma chea de anos. Boa ocasião para cantar "You are the sunshine of my life"... e mesmo para deixar que o fagam os pipas! E já na segunda e derradeira tanda, "Drug test" (akward choice, diziam eles) e "By the time it gets dark", para completar 2 horas de show. Não quigeram dar-lhes gusto aos fãs que pediam insistentemente "Blue line swinger", mas a nós não nos importou...


* demasiado para Juan, quem tinha este tema marcado na lista mas tivo que sair tomar o aire :-)
.
P.S. o setlist completo, aqui.