Pepe, o da curva de Lamela, convidou a fillos, netos e bisnetos á festa da Empanada de Bandeira. Nunha casa na que normalmente viven Pepe, Boby e Panchito (puros palleiros), galiñas e coellos, xuntáronse arredor de quince persoas e trinta zapatos. Os nenos e os móbiles berraban demasiado para o que el estaba acostumado, e por iso, cada mañá durante a semana que tivo invitados, Pepe e os cans espertaban cediño e ían ver o mencer mentres a familia durmía e compensaba as horas de festa. Alí comenzou a pensar como eran as festas de Bandeira cando el era neno. Daquela non había nin mesas, nin pregóns, nin concursos, nin empanada. O momento grande era a saída da misa –cando todos os homes e Pepe ían tomar un viño–, e o máis interesante era o baile que pegaban antes de volver a casa. Sentiu de golpe a estraña obriga de ter morriña daquelas épocas de tranquilidade, como fan os vellos das películas cando os modernos tempos chegan ás súas vidas. Pero mirou cara a súa casa chea de vida e para a súa mesa chea da mellor empanada da festa e sorriu, feliz.
domingo, 23 de agosto de 2009
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
1 comentário:
Eu tamén teño morriña das festas de Paradela de vai anos... especialmente boto de menos a persoas que xa non están... ai meu papaíño ... que oco máis grande para encher...
Enviar um comentário