sábado, 28 de abril de 2007

A Nova Geografia Galega (II): Terras do Bolo, as Frieiras e as Portelas


Nesta primeira entrega describen-se as terras do extremo sueste do país, que proponhemos agrupar en 3 concelhos: As Portelas, As Frieiras e a Terra do Bolo, claramente diferenciados mais con características comuns.
Se geográficamente o que caracteriza estas terras é a elevada altitude e a complexidade orográfica, demográficamente é-o a sua baixa densidade de povoación e a forte dispersión desta. A única vila que supera os 1000 habitantes é Viana do Bolo, sendo freqüentes na zona os desprazamentos a outras povoaciões como Verín, A Rua, O Barco de Valdeorras ou Póvoa da Seabra (Puebla de Sanabria).
As principais vias de comunicación que atravesan este território son: a autovia A-52 (Ourense-Zamora), que o percorre de Oeste a Leste na sua parte sur, conectando-o con Verín (ao oeste) e coa Póvoa da Seabra ( polo leste); a estrada OU-533, perpendicular a aquela, que parte da Gudinha e vai en dirección norte até Valdeorras; e o caminho de ferro Ourense-Zamora, que ten parada na Gudinha.

Terra do Bolo:

Notas características del País del Bolo: predominio de los aspectos serranos (pueblos grandes y aislados, maquis de ruina de bosque), matizados por los surcos del Bibey, Camba y Xares. Valles altos boscosos y pastorales. Valles bajos vitícolas. Centros: las villas en colina del Bolo y Viana, ambas en posiciones centrales respecto de la sierra. Valor predominante de los aspectos de sierra y de invierno. Relación con el país de Castro [As Portelas], zamorano, gallego de lengua, tipo de sierra.

(Otero Pedrayo, “Guía de Galicia”, 1926)

A Terra do Bolo abrangue os atuais concelhos de Vilarinho de Conso, Viana do Bolo, A Veiga e O Bolo, cumha extensión de 853 km2 e umha povoación de 7.016 habitantes. Un dato resume por si só a evolución vital desta terra: no ano 1900 a sua povoación era o triple (!) que a atual. Os concelhos que a integran, creados nun tempo no que a zona estava aínda chea de vida –a velha Galiza nación de labregos- carecen hoje da base demográfica mínima para cumprir as suas funciões. A necessidade dumha reorganización territorial aparece aqui como evidente.
Nada engadirei ao verbo barroco de Otero Pedrayo e à sua elegante descrición do País do Bolo. Passamos pois às Frieiras.

As Frieiras:

Notas características de las Frieiras: ausencia de valles profundos, altos lomos monótonos de aspectos de sierra y montaña, cruzados por la carretera de Villacastín a Vigo, que anima el país y lo coordina (Portillas). Centro: A Gudiña, villa itineraria en el engarce del camino de Castilla y del de Viana.

(Otero Pedrayo, “Guía de Galicia”, 1926)

A Terra das Frieiras estende-se polos concelhos de Orriós, A Gudinha e A Mesquita, sumando 5.128 habitantes en 390 km2. Carece dun centro claro, puidendo jogar esse papel a vila d’A Gudinha, pola sua situación central, a sua condición de núcleo máis povoado da bisbarra (con máis de 500 habitantes), a oferta de serviços que alberga, e o seu carácter de pequeno “nó de comunicaciões”, como resenhamos ao começo. De todos os jeitos, o verdadeiro centro comarcal desta zona é Verín. De feito, na distribución comarcal da Junta de Galiza Orriós está integrado na comarca de Verín, ademais de pertencer, ao igual que o resto das Frieiras, ao seu partido judicial. Pola sua banda, A Gudinha e A Mesquita fan parte, na citada distribución, da comarca de Viana, junto con Vilarinho de Conso e a própia Viana. Esta solución non nos parece a máis ajeitada, e seguramente derive da decisión –tamén discutível- de dividir a Terra do Bolo entre a comarca de Viana e a de Valdeorras.

As Portelas:

A brúxula da nosa identidade anda louca. O seu norte é o oeste. Hai que fixar nela ese punto cardinal.

(Felipe Lubián, “Tristuras e ledicias de nacer en ningures: cousas das Portelas”, Actas do I Congresso Internacional da Cultura Galega, Santiago, 1992).

Esta bisbarra, situada entre as portelas da Canda e do Padornelo, está formada polos municípios de Hermisende, Pias, Porto e Lubián. A posición central deste último converte-o no núcleo reitor da zona, que en conjunto ocupa umha extensión de quase 450 km2 e conta con 1.245 habitantes. Trata-se pois dumha zona cumha baixísima densidade de povoación (en contínuo descenso), e cremos que é un exemplo claro da conveniência da fusión de concelhos rurais que por separado non chegan ao tamanho mínimo necessário para ser viáveis.
Geograficamente, esta terra é similar às bisbarras já descritas. Formou parte de Galiza até o s. XVIII, e aínda foi incluída na província de Ourense no reparto provincial de 1822. Porén, no de 1833 foi cambiada para a província de Zamora; dende entón enquadra-se na comarca de Sanabria ou Seabra (denominando-se-lhe às vezes Alta Sanabria). Sen embargo, a sua identidade segue a ser nídiamente galega segundo qualquer critério que se empregue, incluíndo o lingüístico: aínda a dia de hoje, os seus habitantes seguen sendo (moi) maioritariamente galego-falantes. Dá-se a circunstância de que aqui a mentalidade galeguista non só está viva, senon que é espalhada por gente como Felipe Lubián. Este mestre e durante moitos anos alcalde de Lubián polo PSOE é o máis conhecido defensor da galeguidade das Portelas. Veja-se ao respeito a entrevista de fai alguns anos http://vello.vieiros.com/entrevista/lubian.html na que se autodenominava galego e avogava pola integración destes concelhos na Galiza.
Como anécdota, sinalar que para chegar a Lubián por estrada dende Porto ou Pias é preciso atravesar território da Comunidade Autónoma de Galiza.


PRANTEXAMENTOS ALTERNATIVOS

- Alternativa 1: a situación atual
A realidade desta zona bate teimudamente coa atual organización territorial. En primeiro lugar, pola sobreabundância de concelhos que, como já resenhamos, contan con moi pouca povoación e non responden, nos seus límites, à realidade geográfica e socio-económica. En segundo lugar, pola forma en que se agrupan estes concelhos: assi, a Terra do Bolo está desprazada cara o Sur (de feito non se lhe denomina desta forma, senon como “comarca de Viana”), ao restar-lhe os concelhos do Bolo e da Veiga, integrados en Valdeorras, e sumar-lhe os da Gudinha e a Mesquita. A razón da resta é a maior influência económica que exercen as vilas do Barco e da Rua –e, en geral, toda a comarca de Valdeorras- sobre O Bolo e A Veiga. Sen embargo, este maior dinamismo económico non justifica a inclusión destes dous concelhos na comarca valdeorrense, coa que non comparten características geográficas –já que non fan parte do val do Sil- nen económicas, como si fan con Viana e Vilarinho de Conso. A criación dun concelho da Terra do Bolo como o proposto aqui non privaria aos habitantes da sua zona norte de ir trabalhar ou mercar no Barco, por exemplo; mentres que permitiria un melhor aproveitamento dos recursos da comarca, que presenta en todos os seus aspectos umha grande homogeneidade. Pola sua banda, a inclusión da Mesquita e a Gudinha na comarca de Viana –coa que, de feito, tenhen moitas características en común- non obedece, segundo o nosso critério, mais que a “quadrar as contas” evitando que a comarca de Viana ficasse só con dous concelhos, e “buscar-lhe un sítio” à Gudinha e à Mesquita.
Da distribución atual parte tamén a proposta de Nós-UP que se amosa na image inferior. Conserva as mesmas comarcas, e coa mesma composición, que o mapa comarcal da Junta, mais coa novidade da inclusión da Seabra enteira, non apenas da sua parte occidental (As Portelas). Achamos injustificada esta decisión, por quanto non existe realmente umha clara identificación das Portelas coa Seabra. Ademais, isto implicaria a anexión a Galiza de terras que, se ben é certo que noutro tempo pertenceron a ela (toda a comarca da Seabra foi Galiza durante séculos), perderon já a efectos prácticos a sua condición de galegas.



Mapa editado por Nós-UP


- Alternativa 2: Un só concelho
Umha outra possibilidade seria a criación dun único concelho que abranguesse as terras do Bolo, as Frieiras e as Portelas. A favor desta opción está a homogeneidade do território, o carácter central da vila de Viana do Bolo que é umha capital natural da región, e o feito de que en conjunto non chegaria, nin de longe, aos 15.000 habitantes, cifra aínda cativa para un concelho. Na sua contra, naturalmente, a elevada extensión (quase 1700 km2), assi como o feito de “borrar” uns espaços, as bisbarras que o forman, con séculos de existência diferenciada. Ben é certo que a isto último non se lhe deveria dar umha importância desmedida, se o que se pretende é chegar a umha organización territorial desenhada con critérios de racionalidade.

Para rematar, mencionar que, cumha perspectiva diferente –mantemento dos concelhos atuais e criación de “distritos” de carácter comarcal-, a Fundaçom Carvalho Calero propujo fai uns anos a sua própia reordenación territorial da Galiza, incluíndo os territórios da franxa leste. Na área que nos ocupa, propunhan un distrito con capital en Viana do Bolo que incluisse as terras do Bolo, o concelho de Maceda de Trives, as Frieiras e toda a Seabra (ver image inferior).

Mapa da Fundaçom Carvalho Calero
(o punto do meio é Viana do Bolo)

segunda-feira, 23 de abril de 2007

Paisages 2: A Baixa Límia

Um dos territórios máis fascinantes. Um universo de auga. Umha constelaciom de poças entre os montes máis desérticos. Tosdos os roteiros do mundo. É doado atopa-los nas guias. Eu limitarei-me a amosar 3:

Poça na rota dos muinhos em Vilameá. A fervenza é um tobogam natural polo que se pode esvarar. Nom hai perigo: debaixo hai 2 metros de profundidade.

Na Corga da Fecha. Atopa-se seguindo a via romana desde Lóvios, nom longe da vila.

A poça principal da corga da fecha



E... a fervença da Corga da Fecha

E como nom, o máis impresionante, o nom-vai-máis: o parque aquático natural máis incrível de Arbolícia. As fotos que vedes a continuaciom nom lhe fam justiça, já que fôrom sacadas desde zona "segura", onde a câmara nom se podia molhar. Pero dou fe de que ali atoparedes jacuzzis, chorros de auga e banhos de todo tipo. Trata-se do rio Castro Laboreiro, ao seu passo por Olelas. Hai que baixar desde o povo por umha estradinha à esquerda e já logo se chega ao RIO. A este lado, Galiza, do outro, Portugal. Polo meio, o rio, o de Heráclito polo menos.


Deste lado, GZ, do outro, PT


Cómpre avançar aínda um chisco máis...


... e por ali é; onde está o ghicho esse, ao fondo à direita.
Que vostedes o desfrutem

segunda-feira, 16 de abril de 2007

A Nova Geografia Galega (I)

Por fim chega a Arbolícia o grande tema, umha das razões de existir deste blog: a ordenaçom territorial da Galiza. Este post é só o primeiro de outros moitos que chegarám, nos quais pretendo, por umha banda, analisar a questom, e por outra, ofrecer a minha visom de como poderia (deveria?) organizar-se o país, concretando isto num mapa (umha image vale máis que mil palavras) que hoje adianto e que irei debulhando pouco a pouco.

Noutra ocasiom, se hai tempo, farei um repaso da evoluçom histórica da ordenaçom territorial deste país. Polo de agora limitarei-me (tedes sorte) a fazer um balanço de situaçom e umha breve justificaçom do modelo alternativo que proponho.

Em primeiro lugar cómpre preguntarmo-nos, qual é a situaçom atual? Qual é o panorama? Que nos atopamos quando olhamos um mapa da Galiza, ou simplemente que percibimos na nossa vida diária?

O que nos atopamos é umha organizaçom territorial velha e caduca (produto dum determinado momento do século XIX) que, em vez de propiciar o desenvolvimento ajeitado das capacidades do país –e polo tanto o benestar dos seus habitantes- fai as máis das vezes de freo a esse desenvolvimento.

Atopamo-nos cum mapa administrativo baseado em concelhos que carecem do tamanho mínimo razonável para proporcionar-lhes aos seus habitantes os serviços necesários; concelhos cuja única razom de existir é umha arbitrária e anacrónica divisom administrativa do s. XIX; concelhos que nom se correspondem nem coas parróquias -entidades locais de existência milenária e de sorprendente vigência-, nem coas bisbarras naturais, nem coas unidades económicas atuais; concelhos extensos como A Fonsagrada e minúsculos como Mondariz-Balneário; concelhos que som apenas bárrios de cidades –como Culheredo ou Narom- e outros nos que hai mesmo várias vilas diferentes –Cangas, Pontecesso-; etc, etc.

Especialmente dramático é o caso dos pequenos concelhos rurais, criados artificialmente a partir da agrupaçom de parróquias e cujos habitantes som vítimas hoje em dia da despovoaçom massiva, do caciquismo geralizado e das gestões ineficientes, quando nom direitamente ineficaces, que som o froito inevitável da escasa adequaçom das estruturas administrativas à realidade. Fôrom criados assi no seu dia co critêrio de que nom podiam ser demasiado pequenos (é dizer, nom podia haver 1 concelho por parróquia), para assi ter um nº mínimo de habitantes, nem demasiado grandes (é dizer, nom podia haver 1 concelho por comarca), para nom afastar demasiado aos seus habitantes da capital municipal, que idealmente deveria reunir as características dumha pequena vila. A idea em si nom era absurda, pero fracasou: hoje em dia a povoaçom de moitos destes concelhos reduziu-se à metade da que tinham quando fôrom criados, ao tempo que o transporte por estrada fizo que distâncias que antes precisavam de várias horas para ser cubertas hoje se fagam em alguns minutos, invalidando assi as razões de existir de ditos concelhos.

E se os concelhos atuais nom cumprem a funçom que deveriam, que alternativas se nos ofrecem? Vejamos o panorama supra-municipal que temos hoje em dia, onde podemos atopar: comarcas que som apenas linhas no mapa, por carecer de competências; áreas funcionais que teoricamente agrupam essas comarcas e das que nada se sabe desde o ano 1997 em que se definiu o mapa comarcal da Xunta; mancomunidades e áreas metropolitanas que tentam dar resposta às necesidades máis evidentes, pero que pola sua natureza improvisada nom podem ser a base dumha nova ordenaçom territorial; associações de municípios de diversa finalidade (turística, de promoçom económica, etc), que cubrem unicamente um aspecto; e como colofom, as inefáveis de-puta-ções, delirantes organismos originados ao traçar duas linhas perpendiculares no mapa da Galiza e cuja finalidade principal vem sendo o fomento do nepotismo e do caciquismo na sua máis ampla acepçom.

Galiza precisa, e os seus cidadãos merecemos (polo menos eu si, porque yo lo valgo!), outro modelo. Umha organizaçom alternativa que se adecue à realidade e que favoreza o desenvolvimento socioeconómico em lugar de coarta-lo. Umha organizaçom para a Galiza do século XXI, que algum dia terá que chegar.

Umha proposta

Objectivos: cómpre um poder local forte, com capacidade –tanto competencial como económica- de cumprir os seus cometidos, que tenha como fortaleza a proximidade co cidadão e ao mesmo tempo a identificaçom com unidades geográficas, sociais e económicas já existentes na realidade. Nom se trata de inventar a pólvora senom de ponher em valor o que já temos.

E que temos? Pois temos fundamentalmente um país que se pode estudar como dividido numhas dúzias de bisbarras, ou comarcas, máis ou menos homogéneas, as máis delas cum núcleo reitor e outras com várias vilas de referência, mais todas cumha grande coerência interna. Estas bisbarras (que se correspondem só em parte coas comarcas do mapa comarcal oficial) tenhem a dia de hoje o tamanho acaído para converter-se na unidade local básica. É dizer, nos novos concelhos.

Propom-se aqui, polo tanto, umha reorganizaçom do mapa dos concelhos de Galiza, criando uns novos “concelhos comarcais” em contraposiçom aos atuais “concelhos municipais” (por empregar umha palavra fácilmente comprensível). Estes concelhos si teriam, ao contrário que os vigentes, a massa crítica necesária para garantir a sua viabilidade económica, ao mesmo tempo que conservariam a necesária cercania –tanto geográfica como humana- co cidadão, imprescindível numha administraçom local.

Quando emprego o termo “unidade local básica” nom quero dizer que sejam as únicas, mais si as fundamentais, ao serem as unidades propiamente “políticas” (seriam a circunscripçom eleitorais nas municipais, é dizer, os cidadãos eligiriamos direitamente o alcalde desses concelhos).

Estes concelhos comarcais agrupariam-se, “cara arriba”, em Áreas Metropolitanas ou, no seu caso, em Regiões Funcionais, que incluisem concelhos de similares características. Estas entidades nom teriam atribuições políticas senom simplemente de gestom, permitindo fazer acções conjuntas a concelhos vezinhos dumha mesma zona.

“Cara abaixo”, estes concelhos constariam de várias Juntas Locais correspondentes a umha ou máis parróquias, que fariam o papel de assembleias vezinhais, respostando assi à necessidade de reflectir a estrutura povoacional real e dar voz a cada núcleo de povoaçom, mais sem umha innecesária compartimentaçom do poder político.

Com estas premisas propom-se o mapa amosado aqui. Nel os novos concelhos aparecem delimitados polas linhas amarelas, e as regiões nas que se agrupam, por linhas vermelhas. Por suposto, o mapa exposto é só umha possibilidade (eu já o re-debuxei várias vezes) no que se podem discutir moitas cousas... que nom colhem neste post. Pero si nos vindeiros, nos que se describirá os concelhos do mapa, formando assi, se a ociosidade nom o impide, umha pequena enciclopédia da nova Galiza que se albisca dende Arbolícia (aínda que só quando nom hai moita névoa e o sol pega bem).

domingo, 15 de abril de 2007

Hai outros mundos pero estám em Arbolícia





No planeta arbolício hai múltiples mundos máis ou menos relacionados entre si. Este é um deles, um pequeno lago de auga salgada, com todo o que um organismo necesita para viver. Está à beira do castro da punta Sam Mamede, no país das Marinhas.

sexta-feira, 13 de abril de 2007

Gente de Arbolícia 1: Um lar entre silveiras

Inauguro hoje a secçom de histórias, recolhidas da prensa ou conhecidas em primeira persoa, da gente de Arbolícia. Esta primeira podia-se atopar na Voz de Galicia do 3 de Fevereiro do 2006 e estava escrita por Bea Abelairas.

Atopam o cadáver dum “sem teito” de 45 anos com mordeduras de animálias

As autoridades sospeitam que levava días morto e que foi comido por ratas ou cães.

Vivia numha tenda de campanha na Corunha entre os matos, moi perto da estaçom de trem.

UM LAR ENTRE SILVEIRAS

O madrilenho Pedro V.L., que acabava de cumprir 45 anos, vivia em meio dumha silveira perto das vias do tren. Estivo de aniversário hai menos de três semanas. No dia 10 de janeiro alcançou os 45 anos e logo despois, morreu. Polo menos, isso pensam os agentes que onte encontrarom o seu corpo entre o mato que rodea as oficinas da estaçom de trem da Corunha. Estava começando a corromperse, e umha mão já tinha sido devorada polas alimárias.
É provável que nunca se saiba que animal tratou de comer o seu braço esquerdo. Pedro V.L. vivia numha barraca numha zona de ninguém que na cidade se conhece como o prolongamento da avenida da Sardinheira. Para chegar é preciso agachar-se e quase reptar por um passadiço vegetal seguindo um atalho que só leva ao lugar em que estava instalada a precária tenda de Pedro.
Entre as silvas vem-se moitos gatos e intue-se que os ratos campam comodamente. Só sorprende a finca de Pedro, onde hai esparramado todo o que colhe no quarto dum trintanheiro, pero tamém ordenado em cima de dous colchões: botes de iogurtes bebíveis com bífidus, umha botelha de whiskey Chivas, um boneco de Blas (o de Bairro Sésamo ), livros, discos, jornais e moitos isqueiros.
Pedro morreu tumbado, de lado, folheando a página 107 da revista Maxim presidida por dous titulares: «Ahora o nunca» e «Ya te gustaría a ti», sob os que posava umha guapa de televisiom. Tamém tinha moi perto umha escombreira de desperdícios na qual se acumulavam centos de botes de bebidas lácteas que fam pensar aos pesquisadores que Pedro levava meses vivendo à intempérie e que remexia nos contêineres dos supermercados. Para a Administraçom, o último domicílio deste madrilenho está em Cáceres.
Na Corunha fijo-se cum solar que até hai uns anos foi umha horta rodeada de froiteiras, mais que agora é um mar de zarças. «Parece imposible que alguien se internase por ahí dentro. Bueno, por lo menos, le daba el sol toda la mañana», razonava o residente dum edifício da zona.

quinta-feira, 12 de abril de 2007

Nº 1 em Arbolícia: Micah P. Hinson ao vivo!!

Inauguro hoje esta secçom na que irei dando a conhecer aqueles músicos que som ou fôrom nº 1 em Arbolícia. Compre aclarar que Arbolícia é um oásis de bom gusto musical, pólo que chegar ao nº 1 desse país é garantia de qualidade, nom como nos demais sítios.

E começo com umha nota de atualidade, já que onte tivem o prazer de presenciar (grátis total), um concerto do Micah P. Hinson no Teatro Universitário do CUVI. Hai que agradecer ao bom critério da Vicerreitoria de Extensom Universitária da Universidade de Vigo que poidamos desfrutar desta crase de eventos, um privilégio pouco comum.



É el, chicas, adorai-no!


E é que Micah P. Hinson, o orgulho de Texas, o neno prodígio da América profunda e freak, nom só factura discos enormes, senom que é quem de defende-los magistralmente em direito. As suas canções cobram outra dimensom quando vam revestidas da tralha sônica que produz o trio, algo assi como umha versom reduzida dos Crazy Horse. Ao longo de quase duas horas (e um par de paquetes de cigarrilhos fumados polo nosso heroe, a verdade é que este home tem um problema de tabaquismo), foi caindo a maior parte do seu repertório. A voz de Micah às vezes murmurava, outras cantava, e outras berraba, e freqüentemente todo dentro da mesma cançom.

A actuaçom era aderezada com extensas parrafadas entre cançom e cançom, que lhe serviam para dar-lhe tempo a afinar a sua guitarra mentres botava um pitilhinho. Deus lhe conserve a gorxa, pero a verdade é que semelha tarefa difícil; todo apunta a que com esta trajectória de ouveos, alcool e tabaco vai acabar convertido num Tom Waits. Agardemos que a sua evoluçom seja igual de intachável que a deste; eu, por raro que pareça, creo que hai possibilidades.


Os autênticos friquis levam mochila

O concerto, que já começou bem, foi sempre a mais, culminando no apoteósico final com “Patience” e umha ovaçom generalizada e mais que merecida. O Micah, educado e encantador, despediu-se moi correctamente e desejou-nos boas noites repetidas vezes, pero nom se resistiu a volver sair a escena: desta vez, el só com a sua guitarra (e cumha mochila ao lombo que acentuava ainda mais o seu aspecto de friqui, ver foto), para ofrecer-nos umha interpretaçom ralentizada de Suzanne, de Leonard Cohen. Nom podia acabar melhor.

terça-feira, 10 de abril de 2007

Paisages 1: Os Ancares




Um curruncho polo que sinto debilidade. Hai que remontar o rio Búrbia desde o povo do mesmo nome, e tirar sempre cara arriba. De nom perder-se polo caminho, atoparám-se uns lagos.

Arbolícia

Arbolícia era um planeta criado por Xaquín Marín na sua novela gráfica "O longo camiño de volta dende as estrelas", do ano 1975. Do que é de Arbolícia a dia de hoje, pouco se pode dizer, aínda que podemos imaginar que passou cos seus habitantes. Arbolícia nom é Galiza, nem Galicia. Arbolícia nom está neste mundo nem pode que em nengum outro. Isto nom é umha homenage a Arbolícia. À fim e ao cabo, Arbolícia é umha excusa. Nem sequera isso: Arbolícia é só um nome. Porque os blogues devem ter nomes. Assi que, já sem volta atrás, eis Arbolícia: agora, um blog.

Neste espaço escrivirá-se sobre gente de Arbolícia -que é gente à que lhe tocou viver noutro tempo e noutro lugar, mais que nom podem evitar o seu sino-, sobre letras e traços deitados em papeis, sobre paisages -nom de Arbolícia senom da terra que tripamos-, sobre a ordenaçom territorial dessa mesma terra -velha teima-, sobre música -falando dos grupos que som o nº 1 em Arbolícia- e, em fim, sobre moitas cousas. A verdade, já ia sendo hora.